Un día no Senado

Acompaña a un Senador un día de traballo

  • Ola, acabo de ser elixido SENADOR pola miña provincia e pertenzo a un partido político.

    Un Senador inicia a súa vida parlamentaria cando é ELIXIDO pola súa provincia ou DESIGNADO polo Parlamento da súa Comunidade Autónoma.

    Queres saber cal é o meu traballo no SENADO? Acompáñame.

  • A principal función do Senado é a FUNCIÓN LEXISLATIVA, é dicir, tramitar os PROXECTOS e PROPOSICIÓNS DE LEI que o CONGRESO remite ao Senado despois de estudalos.
    O Senado dispón dun prazo de dous meses para opoñer o seu veto ou introducir EMENDAS, salvo que o Congreso dos Deputados ou o GOBERNO o declararan urxente, e nese caso debemos darnos présa. Só temos 20 días naturais!

    Agora teño unha reunión con outros Senadores para debater na COMISIÓN un proxecto de lei sobre o que a pasada semana o RELATORIO emitiu un informe.

    Queres entrar na Comisión?

  • Nas Comisións do Senado están representados todos os GRUPOS PARLAMENTARIOS.
    Cada Comisión ocúpase do traballo lexislativo e de CONTROLAR AO GOBERNO nunha materia concreta.
    No debate do proxecto que hoxe nos ocupa expresamos a nosa opinión e defendemos algunhas modificacións a través de emendas. As emendas que se aproban son incorporadas ao DITAME DA COMISIÓN.

    Pero aínda falta a reunión máis importante!

  • Rápido! Vai empezar a SESIÓN PLENARIA no HEMICICLO!

    Mentres se desenvolve a primeira parte, na que o Goberno se somete ao control dos Senadores que formulan PREGUNTAS e INTERPELACIÓNS, aínda terei tempo para tentar negociar con outros Senadores algúns cambios na lei.

    ¿Que pasará?

  • Comeza a votación! Traballamos moito no proxecto de lei, pero ata que rematemos as votacións non hai nada decidido. Poden pasar dúas cousas:

    • Se non aprobamos modificacións ao texto remitido polo Congreso dos Deputados, enviarase directamente a publicar no BOE, previa SANCIÓN REAL.

    • Se modificamos o texto (emendas) ou o vetamos (oposición ao proxecto), o texto terá que volver ao Congreso dos Deputados que decidirá se acepta ou non as propostas do Senado.

    Máis do 60% das leis son publicadas con emendas introducidas no Senado!

    Puxen o teléfono en silencio mentres estamos votando. Estou esperando unha chamada...

  • As reunións remataron, pero antes de ir cear aínda teño que presentar no Rexistro Electrónico do Senado unhas preguntas ao Goberno para que me explique que está a facer na vila na que vivo, e contestarlles aos cidadáns que me escribiron a través da páxina web.