Vocabulario

BOE
O Boletín Oficial do Estado, diario oficial do Estado Español, é o medio de publicación das leis, disposicións e actos de inserción obrigatoria. A publicidade das normas é necesaria para garantir a seguridade xurídica, pois só o que foi publicado pode ser esixido.
Comisión
Grupo de traballo integrado por Senadores especializados nunha materia, que se encarga de debater, controlar o Goberno e participar na elaboración das leis. Neste órgano están representados tódolos Grupos Parlamentarios.
Congreso dos Deputados
Forma parte das Cortes Xerais xunto co Senado. O Congreso, tamén chamado Cámara Baixa, componse dun mínimo de 300 e un máximo de 400 Deputados elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. Ademais participa na elaboración das leis do Estado, aproba os seus orzamentos, controla a acción do Goberno, elixe o Presidente do Goberno e pode retirarlle a súa confianza.
Control ao Goberno
O Senado pode obter información do Goberno, someter a exame a súa actuación e pedirlle que actúe nunha determinada liña. A forma máis habitual de controlar o Goberno é a través das preguntas que fan os Senadores.
Cortes Xerais
Nome que recibe o Parlamento español, do que forman parte o Congreso dos Deputados e o Senado. As Cortes Xerais representan o pobo español, exercen a potestade lexislativa do Estado, aproban os seus orzamentos e controlan a acción do Goberno.
Deputación Permanente
Órgano encargado de velar polos poderes do Senado cando este non estea reunido, xa sexa entre os períodos de sesións, en cuxo caso pode solicitar a celebración de sesións extraordinarias, ou ben durante o período de disolución ata a constitución da nova Cámara. Presídea o Presidente do Senado e está formada por un mínimo de vinte e un membros designados polos Grupos Parlamentarios en proporción ao número dos seus integrantes.
Designado
O Parlamento de cada Comunidade Autónoma elixe como mínimo a un Senador, e a outro máis por cada millón de habitantes do seu respectivo territorio.
Disolución
Decisión que pon fin ao Parlamento antes de que finalice o período para o que foi elixido. A decisión debe estar sempre acompañada da convocatoria de novas eleccións. Para garantir a continuidade das Cámaras, as súas respectivas Deputacións Permanentes velan polos seus poderes durante o período de disolución.
Ditame da Comisión
Texto que recolle as modificacións aprobadas por unha Comisión no procedemento de elaboración dunha lei.
Eleccións
Proceso usado nos sistemas democráticos que lles permite aos cidadáns elixir os seus representantes mediante votacións. Poden votar e poden ser elixidos os maiores de 18 anos.
Electo
Os cidadáns elixen directamente, mediante sufraxio universal, directo e secreto, a catro Senadores en cada provincia. Nas provincias insulares, cada illa ou agrupación delas, con Cabido ou Consello Insular, constituirá unha circunscrición a efectos de elección de Senadores, correspondendo tres a cada unha das illas maiores -Gran Canaria, Mallorca e Tenerife- e un a cada unha das seguintes illas ou agrupacións: Ibiza-Formentera, Menorca, Fuerteventura, Gomera, Hierro, Lanzarote e La Palma. As poboacións de Ceuta e Melilla elixirán cada unha delas dous Senadores.
Emenda
Proposta de modificación dunha lei que se está debatendo nunha Comisión ou no Pleno. Hai dous tipos de emendas: as de totalidade, que discuten a oportunidade do texto no seu conxunto, e as emendas parciais ou ao articulado, que modifican partes concretas do texto. As emendas deben votarse e se resultan aprobadas o seu contido incorpórase ao texto.
Función lexislativa
O Senado participa, xunto co Congreso dos Deputados, na elaboración das leis, malia que con certo predominio do Congreso dos Deputados.
Goberno
Órgano que dirixe a política interior e exterior, a Administración civil e militar e a defensa do Estado. Exerce a función executiva e a potestade regulamentaria de acordo coa Constitución e as leis. O Presidente do Goberno debe obter a confianza do Congreso dos Deputados. Unha vez que obtivo a confianza, nomea os Vicepresidentes e Ministros.
Grupos Parlamentarios
Agrupacións de Senadores que se unen para a defensa de intereses comúns dentro da Cámara. Tódolos seus membros adoitan pertencer á mesma formación política, pero pode haber Grupos Parlamentarios compostos por Senadores de diferentes partidos políticos.
Hemiciclo
Sala onde se celebran as sesións plenarias do Senado, nas que cada Senador ocupa un escano. Ten forma de semicírculo, de aí o seu nome. Na primeira fila está situado o banco azul, no que sentan os membros do Goberno.
Interpelación
Un dos medios que poden utilizar os Senadores durante as sesións plenarias para solicitar explicacións ao Goberno sobre cuestións de interese xeral.
Lei
É a norma por excelencia, pois na súa elaboración e aprobación interveñen os representantes elixidos polos cidadáns. O seu único límite é o respecto á Constitución. As leis obrigan a tódolos cidadáns e a tódolos poderes públicos.
Mandato
Prazo de tempo para o que é elixido un Senador. O normal é que sexan catro anos, aínda que é posible que a duración do mandato sexa menor se se produce unha disolución anticipada.
Mesa do Senado
Órgano que dirixe e organiza os traballos do Senado. Componse do Presidente, dous Vicepresidentes e catro Secretarios. A súa elección para cada Lexislatura ten lugar na sesión constitutiva da Cámara.
Moción
Principal instrumento do que dispón o Senado para impulsar o Goberno a actuar nunha determinada liña. Este tipo de iniciativas pódense presentar nunha Comisión ou no Pleno. Se o Senado aproba unha moción, o Goberno, dentro dos seis meses seguintes, deberá informar sobre o cumprimento da mesma.
Parlamento
En España recibe o nome de Cortes Xerais, das que forman parte o Congreso dos Deputados e o Senado. As Cortes Xerais representan ao pobo español, exercen a potestade lexislativa do Estado, aproban os seus orzamentos e controlan a acción do Goberno.
Período de sesións
Tempo durante o que as Cámaras poden reunirse para o desenvolvemento das súas funcións. Ao ano existen dous períodos ordinarios: un de febreiro a xuño e outro de setembro a decembro. Fóra destes períodos é posible a celebración de sesións extraordinarias se o solicita a Deputación Permanente.
Pregunta
Principal instrumento do que dispoñen os Senadores para controlar o Goberno a través de preguntas que debe responder por escrito ou de forma oral, ante o Pleno ou ante unha Comisión. Non se admiten preguntas de exclusivo interese persoal de quen as formula ou de calquera outra persoa singularizada, nin as que supoñan consulta de índole estritamente xurídica.
Presidente do Senado
É a autoridade suprema do Senado, ostenta a representación do mesmo, asegura a boa marcha dos traballos, dirixe e mantén a orde do debate e aplica as medidas de disciplina parlamentaria. É elixido na sesión constitutiva da Cámara polo voto favorable da maioría absoluta dos seus membros.
Proposición de Lei
Iniciativa lexislativa que presenta o Congreso dos Deputados, o Senado ou un Parlamento autonómico. Ademais existen iniciativas lexislativas populares. En todo caso, para que estas iniciativas se convertan en lei, deben ser discutidas e votadas no Congreso dos Deputados e no Senado.
Proxecto de Lei
Iniciativa lexislativa presentada polo Goberno. Non se converterá en lei ata que o Congreso dos Deputados e o Senado interveñan na súa elaboración e aprobación.
Relatorio
Órgano especializado que se crea dentro dunha Comisión co obxecto de estudar un tema concreto (Relatorios de estudo) o unha lei (Relatorio lexislativo). Está composto por Senadores de distintos Grupos Parlamentarios.
Sanción Real
Fase final do procedemento lexislativo na que se comproba que a norma está lista para ser publicada no BOE. Aínda que se trata dun acto formal que lle corresponde ao Rei, é una potestade debida e non pode negarse a sancionar as leis.
Senado
Forma parte das Cortes Xerais xunto co Congreso dos Deputados. O Senado é tamén chamado Cámara Alta ou Cámara de representación territorial. De maneira semellante ao Congreso, exerce as funcións que a Constitución asigna ás Cortes Xerais: participa na elaboración das leis do Estado, aproba os seus orzamentos e controla a acción do Goberno.
Senador
Persoa que forma parte do Senado. O Senado conta con dous tipos de membros cos mesmos dereitos e prerrogativas: Senadores de elección directa polos cidadáns mediante un sistema maioritario e Senadores designados polos Parlamentos autonómicos. Todos estes, independentemente da súa forma de elección, representan a totalidade da Nación Española.
Sesión constitutiva
Primeira reunión que celebra o Pleno do Senado tralas eleccións. Nela elíxese o Presidente do Senado, os Vicepresidentes e os Secretarios do Senado.
Sesión plenaria / Pleno
Reunión formal do Pleno, á que están convocados tódolos Senadores.
Votación
Expresión da vontade ou da preferencia ante una opción. Os cidadáns ao votar elixen entre distintos candidatos aos seus representantes. Os Senadores ao votar manifestan o seu parecer e contribúen á adopción de decisións. Existen formas moi diversas do voto (por papeletas, levantando a man, electrónico…), poden expresarse cousas moi diferentes (a favor dunha iniciativa, en contra, absterse, elixir un candidato a un cargo…) e poden esixirse maiorías diversas para adoptar decisións (maioría simple, maioría absoluta, maioría reforzada….)
Xunta de Portavoces
Órgano integrado polo Presidente do Senado e polos Portavoces dos Grupos Parlamentarios existentes en cada momento. A Xunta de Portavoces intervén na decisión sobre asuntos que se debaterán nas sesións plenarias e pode facer suxestións e observacións sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento da Cámara.